O VIII Curso Universitario de Verán de Comunicación Audiovisual, este ano centrado no tema “Cine galego. Entre o obxectivo identitario e a produción low cost“, e baixo a dirección de Miguel Anxo Fernández, terá lugar os días 20, 21 e 22 de xullo de 2011 no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC). Na presente edición preténdese reflexionar e debater sobre como o cine galego persegue consolidar o seu perfil identitario ao mesmo tempo que, nun contexto de crise económica ou por convicción propia, axustar os seus medios de produción para reafirmarse como cine singular e diferente. Neste marco analizaranse os filmes 18 comidas (Jorge Coira), Crebinsky (Enrique Otero) e Doentes (Gustavo Balza) da man dos profesionais que as fixeron posibles (directores, guionistas, actores, equipos técnicos e creativos, etc.) co fin de coñecer, de primeira man, o mundo do audiovisual tanto galego como internacional.
O VIII Curso Universitario de Verán de Comunicación Audiovisual de Celanova conta co apoio da Vicerreitoría de Planificación e Desenvolvemento do Campus de Ourense, e co patrocinio do Consorcio Audiovisual de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense, do Concello de Celanova e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén colabora, coma sempre, a Televisión de Galicia. A matrícula está aberta ata o día do inicio do curso. Podes atopar máis información e apuntarte na páxina da Vicerreitoría do Campus de Ourense, e podes descargar tamén o programa do Curso Universitario e o cartel anunciador.