O día 1 de xuño o vento do norte sopraba de forma esaxerada sobre o Gaiás, e seguiu soprando os días 2 e o 3, convertendo a rúa de acceso aos edificios da Biblioteca e Arquivo de Galicia, disposta, precisamente, de norte a sur, nunha caste de cheminea horizontal de efecto refrescante cando o sol se expresa con ganas. Cunha forza e unha frescura semellantes transcorreron os tres días dos I Diálogos Literarios do Gaiás, que comezaron coa conferencia de Ana María Moix “O que sei de min e da palabra”. A escritora catalana, que foi presentada polo escritor Bieito Iglesias,  desvelou unha das claves do oficio, como o uso intencionado de voces narrativas podía utilizarse para agochar ou revelar partes da súa propia experiencia vital. No faladoiro, non dubidou en dar a súa opinión sobre o panorama editorial, que cualificou de desolador, cunha presenza cada vez máis importante do mercado pero, pola contra, con menos literatura.

Na sesión da tarde Miren Agur Meabe e Elena Medel, presentadas polo coordinador dos Diálogos, o poeta Román Raña, falaron da concepción de cadansúa obra poética. Mentres que para Meabe a poesía nace dunha absoluta sinceridade, para Medel supón unha continua aprendizaxe das estruturas líricas. “É como pasar a man ás apalpadelas pola parede dun cuarto escuro en procura dun punto de luz”.

O día seguinte, 2 de xuño, o escritor e profesor Carlos Quiroga foi o encargado de presentar a Marcos Calveiro e a Sérgio Luís de Carvalho, para falar do tema da sesión maturina:  “Historia e historias”. Para ambos escritores a infancia xogou un papel clave e reveladora que lles guiaría no seu fervor literario. Para de Carvalho, que debullou os aspectos da propia infancia que recolle na súa obra, a faceta de escritor é unha sombra da lembranza, pero tamén das hipóteses que a prolongan. Calveiro, pola súa banda, referiuse á súa querencia pola lectura enciclopédica e como dese fermento, unido á experiencia dunha infancia vivida entre feirantes, proceden moitas das historias que escribe.

A sesión pública correu a cargo de Jorge Edwards, que foi presentado polo poeta e presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar. Nela, o escritor chileno estendeuse sobre a súa última obra, La muerte de Montaigne, que navega entre as augas da biografía, o memorialismo e a ficción, como un claro exemplo da relación entre “palabra e realidade”, lema da súa conferencia.

A mañá do día 3 de xuño tivo como protagonistas a Iolanda Zúñiga e a Llucia Ramis, que foron presentadas polo xornalista e escritor Tucho Calvo, condutor da quinta e última sesión dos  Diálogos Literarios. Ambas escritoras, recentemente galardoadas, falaron das súas obras e da súa relación coas novas tecnoloxías. Para Zúñiga, internet foi clave para a confección da súa obra, Periferia (Xerais, 2010). “Mergulleime en internet e do seu manancial infinito tirei a información que necesitaba para construír a miña novela”. No caso de Ramis, aínda que a presenza da rede é importante na súa última obra, Egosurfing (Destino, 2010), apenas aparece nomeada. “Ten a súa importancia, pero non o é todo. As xeracións máis novas beberon e servíronse sempre de internet, pero viven no paradoxal inferno dunha sociedade sen expectativas”.