O mércores, día 22, Fina Casalderrey conduciu  a sesión de O Sabor das Letras do Café Voltaire, a última do primeiro semestre do ano, e deunos a súa visión das relacións entre a cociña e a literatura, unha visión matizada pola súa condición de muller, pero tamén pola súa traxectoria vital de escritora e mestra. Así levounos a unha viaxe a grandes alancadas, como quixo titular a súa intervención, por unha urdime de camiños e encrucilladas, neboento e fuxidío ás veces, pero con firmes milladoiros que marcaron o roteiro.

Na primeira parte invitounos a recuperar os sabores da infancia, que nos abrían os sentidos a un abano de sensacións orixinadas nun mundo gobernado polas nais e as avoas, construído no espazo ancestral da cociña. O sabor da morcilla doce, da pataca quente, a textura das febras do bacallau salgado e aínda cru. O sabor do leite recén muxido e o frescor da leituga. Leunos un fermoso texto sobre a receita da empanada, unha receita que era un conto, un conto que  era a descrición do mundo arredor dunha mesa.

Na segunda parte da intervención falounos do nome das cousas e de como o significado varía segundo a denominación que lles deamos. Nada é inocente tamén na cociña. Os cogomelos, por exemplo, que hoxe é un requintado manxar pero que chamaban “pan da culebra” nos tempos nos que non se tiñan por comestibles.

Fina Casalderrey, durante a preparación da sesión, semanas antes, suxeríralle ao chef Miguel Oliveira unha serie de sabores e ingredientes para que os traballase segundo a cociña actual, con liberdade absoluta agás a empanada, que debía aparecer aos ollos dos comensais tal como é. O resultado foi un festival de bocados: milfollas de pataca e morcilla doce, roxóns sobre tosta fritida e canas de bacallau. Empanada de sardiñas, en fariña de millo, seguindo a receta de escritora en O libro da empanada; escuma de cogomelos sobre terra de améndoa, e de sobremesa, proia (unha torta especial de Pontedeume) de amorodos. Un excelente Ribeira Sacra, Régoa (2008), foi coherente con tan ricos bocados. E así foisenos o tempo e o día.