A exposición “Os mundos de Carlos Casares”, que abriu co gallo da XII Festa do Polbo de Bueu, dedicado este ano ao escritor ourensán polo seu libro Un polbo xigante, permanecerá aberta ata o vindeiro venres 9 de setembro nunha das salas do Museo Massó de Bueu.
A mostra está composta por unhas 70 pezas entre paneis informativos, libros de Casares, material de coleccións do escritor (trens, cámaras fotográficas, estilográficas…), galardóns e outros obxectos institucionais, ademais de obras de consulta ao público asistente.
Esta exposición foi presentada o pasado día 16 de agosto no museo como preludio dos actos da festividade gastronómica de Bueu, cuxo pregón tivo a honra de dar Xavier Casares, irmán do escritor. Dende a Fundación queremos agradecer a axuda recibida tanto do museo Massó e da súa directora, Covadonga López, do alcalde e a concelleira de cultura do concello de Bueu (Félix Juncal e Elena Cabanelas), e do resto de persoas que fixeron posible esta exposición.