A Radio Galega informará hoxe da oficialización do comodato no último Consello da Xunta de Galicia. Esta formalización permitirá o traslado da Biblioteca e mais do Arquivo persoal de Carlos Casares á Biblioteca de Galicia, no Gaiás, e a súa permanencia durante un período de 30 anos na modalidade de préstamo de uso e con carácter gratuíto.

Os fondos constan de aproximadamente 6.000 volumes, ademais de numerosos documentos entre manoscritos, mecanoscritos, cartas, fotografías en papel e diapositivas e outro material gráfico. Destes documentos, 8.000 xa están catalogados e  dixitalizados grazas aos convenios asinados en 2010 e 2011 coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e serán postos a disposición dos usuarios a través da rede e da súa consulta directa na Biblioteca de Galicia.

Entre os fondos bibliográficos podemos destacar primeiras edicións, coleccións completas de importantes autores da literatura contemporánea, algúns autografados. E entre os documentais,  saliéntanse diferentes versións corrixidas das súas novelas de Carlos Casares ou anotacións memorialísticas.

Enlace: O Consello da Xunta oficializa o traspaso da biblioteca de Carlos Casares á Cidade da Cultura.