Este ano cumpríronse -o pasado 2 de xullo- cincuenta anos da morte de Ernest Hemingway, o escritor de Oak Park (Illinois, EUA), premio Nobel de Literatura en 1954, home de acción e testemuña literaria e xornalística das dúas guerras mundiais que asolaron o planeta no século XX. “O home que tiña medo de ter medo”, como alguén dixo, o rifón, o arroutado, que escribiu algunhas das mellores e máis sinceras páxinas da literatura contemporánea.
Carlos Casares tíñalle admiración e cariño, tanto ao novelista como ao personaxe que se inventara. Froito desta admiración naceu o libro Hemingway en Galicia, que recolle a súa experiencia no proceso de desvelar o enigma das referencias a Galicia na obra de Hemingway. O volume, editado por Galaxia en 1999, consta de 52 páxinas dese texto sinxelo e ben traballado ao que Casares nos tiña afeito, e incorpora, no apéndice documental, 14 cartas do escritor americano que apoian as súas conclusións.
Pódense atopar outras referencias a Hemingway na obra casariana, directas ou simbólicas, por exemplo, en diversas columnas de Á marxe: contando a visita á casa natal de Oak Park; recordando as conversas con Anthony Zahareas, outro experto coñecedor da obra e a vida de Hemingway; ou analizando a controvertida personalidade de Martha Gellhorn, terceira esposa do novelista.
Ernest Hemingway deixou unha forte pegada na escrita do conto contemporáneo, coa súa prosa sinxela e directa, marcada pola economía de recursos. Sabemos que a Carlos Casares gustáballe moito o relato “The Killers“, (Scribner´s Magazine, 1927). Por algo será.