O pasado xoves 29 de setembro, ás 20.30h no restaurante do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), tivo lugar a sexta sesión de “O Sabor das Letras” do ano 2010. Englobado na actividade “Café Voltaire” da Fundación Carlos Casares, coa colaboración da Agrupación de Amigos do MARCO e o propio restaurante, e co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, “O Sabor das Letras” desenvolve unha novidosa maridaxe entre lingua, literatura e gastronomía.
Para esta ocasión, Xosé Fortes agasallounos cunha excelente descrición da súa experiencia vital na aldea de Caroi (Pontevedra) na conferencia titulada “Caroianos. Alimentación e vida privada nunha parroquia rural”. Despois de colocarnos ante as circunstancias demográficas e sociais de Caroi, Fortes incidiu na idea de que a alimentación determinou a forma de vivir na parroquia ata ben entrado o primeiro terzo do século XX, explicado como os cambios na produción agrícola moldearon a comunidade e, incluso, reordenaron o seu abano das clases sociais.
A partir de ingredientes sinxelos, propios da parroquia de Caroi, o chef Miguel Oliveira confeccionou unha serie de pratos de exquisito sabor e presentación elaborada que fixeron as delicias dos asistentes: xamón confeitado con leite cru, crackers de liño con puré de nabos, filloa rechea de galiña, pataca con barro branco, torrada con viño tinto e, por último, un saboroso requeixo de Caroi con azucre, traído especialmente por Xosé e Germán Fortes, e que o propio chef serviu persoalmente a todos os comensais.