Onte xoves, no Museo Etnográfico da Limia, que ocupa unha preciosa casa de Vilar de Santos que fora en tempos a Escola Unitaria do concello, reuníronse os docentes da Limia con membros do Museo e do Centro de Cultura Popular para coordinar as accións e actividades que desde o verán se foron artellando arredor do décimo cabodano de Carlos Casares, que se cumpre en 2012. A Fundación Carlos Casares estaba invitada a realizar unha presentación aos asistentes, despois da reunión, o que correu a cargo do noso director Gustavo Adolfo Garrido, que foi presentado polo escritor Delfín Caseiro.
Á veintena ampla do grupo de docentes, incorporáronse os alcaldes de Vilar de Santos e de Baltar, Xoán Xosé Jardón Pedras e José Antonio Feijóo, respectivamente, e máis o concelleiro de Cultura de Xinzo, Carlos Gómez Alonso. Máis que unha presentación da Fundación, algo innecesario na comarca da Limia, Garrido resumiu a evolución da Fundación durante os nove anos de traballo a prol dos obxectivos fundacionais, a perspectiva cara os vindeiros dous anos e as posibilidades de colaboración que a Fundación pode ofrecer aos docentes da Limia no seu proxecto.
Quedamos completamente satisfeitos da acollida que nos deron na Limia e da frescura e novidade das accións que veñen agromando da choiva de ideas posta en marcha polos colectivos implicados. Non temos dúbida de que a expansión e o éxito están garantidos.