A Comisión Executiva da Fundación Casares, en reunión celebrada o pasado xoves día 1 de decembro, decidiu reforzar o seu organigrama en Ourense, provincia e capital, acordando por unanimidade nomear a Delfín Caseiro director do Centro de Estudos Carlos Casares e a Xosé Ramón Quintana director da Cátedra Carlos Casares que mantén na UVigo – Campus Ourense. Ambos nomeamentos serán refrendados pola xunta de Padroado a mediados deste mes.
Delfín Caseiro Nogueiras (Rairiz de Veiga, 1954) é catedrático de Lingua galega e Literatura e Inspector de Educación; experto coñecedor da urdime cultural ourensá na que participa como activista, organizador e tamén a través de publicacións de diverso xénero e colaboracións xornalísticas. Ocupará o posto do chorado Marcos Valcárcel na dirección do Centro de Estudos Carlos Casares, vacante desde o falecemento do escritor e profesor ourensán, hai hoxe xustamente un ano.
Xosé Ramón Quintana Garrido (Ourense, 1957) é profesor de ensino secundario e profesor asociado de Historia Contemporánea da UVigo, na Facultade de Historia do Campus de Ourense e mais na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do Campus de Vigo. Especialista en historia política do tempo presente, gañou a edición 2008 do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro con Un longo e tortuoso camiño. Adaptación, crise e cambio no BNG (1971-2009). Ocupará a dirección da Cátedra Carlos Casares, ata agora dependente do director xerente da Fundación.
Aproveitamos para darlles a noraboa a ambos os dous amigos e colaboradores, desexándolles os maiores sucesos na xeira que inician de cara a 2012, décimo cabo de ano do pasamento de Carlos Casares.