Neste ano 2012, e coincidindo co décimo aniversario da morte de Carlos Casares, tamén é o décimo cabodano de Camilo José Cela. Os dous escritores galegos, que mantiñan unha longa amizada e unha mutua admiración, deixáronnos con apenas dúas semanas de diferenza. Carlos Casares foi, ademais, padroeiro da Fundación Camilo José Cela e dirixiu, dende o ano 1998 a 2001, os Cursos de Verán impartidos na sede de Iria Flavia que levaron por título “A obra literaria de Camilo José Cela”.

No marco da conmemoración do pasamento do nobel galego, a súa fundación ten programado realizar, o venres, 24 de febreiro, na Biblioteca de Galicia, unha xornada de homenaxe ao escritor padronés, que comezará ás 10 horas coa presenza de Jesús Vázquez Abal, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e contará coas intervencións da profesora do IES Rosalía de Castro, Ana María Platas, do doutor da Universidade da Coruña, José María Paz Gago e dos doutores da Universidade de Barcelona (UB) Adolfo Sotelo e Marta Cristina Carbonel, os cales realizarán un percorrido pola obra de Camilo José Cela dende distintos puntos de vista.

Así mesmo, presentarase o libro editado pola UB e a Cátedra “Camilo José Cela” da dita universidade, titulado Camilo José Cela y Antonio Vilanova. Correspondencia. O acceso é libre.

Enlace: Xornada de homenaxe a Camilo José Cela no X aniversario da súa morte