O club de lectura “Lendo contigo” celebrou este sábado 25, na súa sesión de febreiro, un acto dedicado ao relato infantil A galiña azul (Galaxia, 1968) de Carlos Casares. O acto, celebrado en Gondomar, tivo varias sorpresas relacionadas coa lectura do conto e nel participaron a presidenta da Fundación e viúva do escritor, Kristina Berg, e mais Gustavo Adolfo Garrido, director da Fundación, ademais do alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, e do seu concelleiro de cultura, Ignacio Troncoso.

Cunha participación de máis de 50 nenos e nenas entre 6 e 11 anos, o acto serviu para recordar o décimo aniversario da morte do escritor que tan vinculado estivo sempre co Val Miñor. Iniciouse cunhas palabras de Kristina Berg explicando o significado deste libro para Carlos Casares. Fíxose despois unha lectura pública da obra a cargo de numerosos nenos e nenas, fronte á escultura da Galiña Azul do paseo Carlos Casares de Gondomar, e o noso director rematou lendo a última frase do conto. Tras a lectura, os participantes asistiron a unha adaptación teatral libre da obra de Carlos Casares por membros adultos da Asociación Espazo Lectura de Gondomar. Unha peza corta na que todo o mundo o pasou moi ben. Finalmente, sorteáronse libros para a sesión de lectura de marzo.

Agradecemos profundamente o detalle cariñoso de nos convidar a un evento para nós moi importante, como é a dinamización lingüística e a promoción da lectura infantil en galego, e especialmente a Anxo Iglesias, coordinador, xunto con Rosana Estévez, de “Lendo contigo”.