O pasado mércores 29 de febreiro tivo lugar no restaurante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo a primeira sesión do Café Voltaire – “O Sabor das Letras”, unha proposta de maridaxe entre literatura e gastronomía.
O tema da sesión de febreiro foi “Teatro e gastronomía”, e puidemos contar para a ocasión coa presenza da profesora e actriz Mariana Carballal, coa que os asistentes puideron gozar dunha fantástica velada. Mariana Carballal propúxolles un xogo aos asistentes, mesturando a súa conferencia e as propostas gastronómicas do chef Miguel Oliveira con elementos do entroido e todo rodeado do amor romántico e da paixón dramatúrxica. Así se desprende tanto do seu faladoiro sobre a historia do teatro e as súas relacións coa gastronomía, como na estrutura do menú (“Presentación, nó e desenlace” igual a “Entrante”, “Prato principal” e “Sobremesa”) e tamén cos nomes dos pratos do menú: “Verde que te quero verde”, “Venusiña do amor”, “Bicos e bicas”…
A actriz estivo acompañada por tres estudantes da Escola Superior de Arte Dramática (Tania Galán, Noelia Fernández e Fran Lareu), que agasallaron ao público con representacións teatrais de gran calidade relacionadas tamén co teatro e a gastronomía, e que puxeron o punto de frescura a unha magnífica velada.
O acto rematou cun novo xogo de Mariana Carballal, que, dentro do tema do amor, do teatro e da comida, animou a todos os asistentes a bicarse. Todo un éxito, por suposto. Xa se sabe, ó amor polo teatro sempre é paixonal.