Con motivo do décimo cabodano de Carlos Casares, a Concellería de Cultura do Concello de Xinzo de Limia organiza do 5 ao 10 de marzo unha semana de homenaxe no seu recordo. Colaboran neste evento a Fundación Carlos Casares, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Editorial Galaxia, a Asociación Cultural Civitas Limicorum e a librería “Galaica” de Xinzo de Limia.
O programa inclúe, entre outros eventos, unha feira de escritores limiaos; as exposicións “Os mundos de Carlos Casares”, con algunhas pezas inéditas seleccionadas do arquivo da Fundación Carlos Casares, e mais “Á marxe”, cunha escolma de artigos de Casares que fan referencia a Xinzo de Limia; unha lectura pública de textos do autor; faladoiros con amigos do escritor ourensán; ou unha representación teatral de A galiña azul polo grupo teatral ANEIS da Escola Municipal de Arte Dramática do Concello de Xinzo de Limia, adaptado por Alfonso Carlos Lois, e que será dirixida por Manolo Fontemoura.
Tampouco faltará a música, coa participación dos grupos corais “Antioquía”, “Aimil Folc” e “Santa Mariña”, do grupo de música tradicional con Natalia Gómez Fidalgo (voz), do Conservatorio Profesional e da Banda de Gaitas.
Complementa os actos un monólogo profesional do actor Luís Iglesia Besteiro, que realizará unha serie de monólogos sobre o texto de Vento ferido, e o espectáculo poético musical de Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa. A semana pecharase cunha ofrenda floral en memoria do escritor.
Enlace: Semana de homenaxe a Carlos Casares en Xinzo de Limia