Neste mes dedicado a recordar a figura de Carlos Casares tras dez anos do seu pasamento, a Fundación realiza unha serie de actividades de dinamización lingüística a través de varias exposicións, como “Os mundos de Carlos Casares” e “O Principiño arredor do mundo. A colección de Carlos Casares”.
“Os mundos de Carlos Casares” iniciaron este ano a súa andaina polo CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia e pola Casa da Cultura do mesmo concello no marco da Semana de Homenaxe a Carlos Casares. A mostra recala estes días no IES Carlos Casares de Vigo e proximamente percorrerá varios centros educativos de Redondela grazas ao labor conxunto realizado co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela.
A exposición de case un centenar de exemplares da obra de Saint-Exupéry en diversas linguas do mundo, que o tradutor ao galego de O Principiño coleccionou durante os últimos anos da súa vida, inicia o seu percorrido este ano no IES Pobra do Caramiñal, no marco da Semana Cultural que se organiza no dito centro educativo.