O pasado martes 27 de marzo tivo lugar a segunda sesión do “Café Voltaire – O Sabor das Letras” unha exitosa proposta da Fundación Carlos Casares que aúna literatura e gastronomía nun espazo moi propicio: o restaurante do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.
Para esta ocasión, e coincidindo coa celebración do décimo cabo de ano do pasamento de Carlos Casares, a sesión xirou en torno á cociña de Ilustrísima, e referiuse tanto á presencia da gastronomía na novela como tamén á súa construción e significados. Ilustrísima é a terceira novela de Carlos Casares, publicouse en 1981 na editorial Galaxia e ata o momento ten 15 edicións en galego, unha en castelán e outra en catalán.
Gustavo A. Garrido, director da Fundación, foi o encargado de achegar aos case 60 participantes todos os detalles, as curiosidades e as razóns agochadas nesta obra de grande importancia no conxunto da narrativa casariana, crucial para entender, á súa vez, o pensamento e o talante do escritor ourensán.
O acto contou co bo facer do propio restaurante, do chef Miguel Oliveira, e Almudena e Ángeles Botas; coa participación entusiasta de Daniela Sarraíno, presidente da Agrupación de Amigos do Marco; e a profesionalidade dos empregados do museo que amablemente prestan axuda na organización do evento. Así mesmo queremos agradecer a xenerosidade dos nosos patrocinadores: a Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar que nos envía un produto de conserva, esta vez de Conservas do Noroeste (CONNORSA); as adegas Martín Códax, de Cambados, que nos cederon botellas dos seus excelentes caldos Organistrum e Martín Sarmiento; e Café Illy, cos que pechamos a sesión.