Esta semana tiveron lugar dúas conferencias arredor da figura de Carlos Casares na cidade de Vigo. A primeira, organizada polo grupo de investigación BITRAGA e co sustento do Decanato da Facultade de Filoloxía e Tradución, celebrouse o día 26 de marzo ás 12 horas no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, coa participación de Gustavo A. Garrido García, director da Fundación Carlos Casares.

Presentada pola profesora Iolanda Galanes, os asistentes percorreron a biografía do escritor, dende o máis persoal ata o estritamente literario, cun énfase especial na faceta de tradutor “tanto como autor traducido, autotradutor, tradutor doutros autores e, en definitiva, mediador e axente literario fundamental na historia da literatura galega recente”, como explican dende o grupo Bitraga.

A segunda, con formato de mesa redonda, tivo lugar ao día seguinte no IES Carlos Casares de Vigo, e contou coa participación de Kristina Berg, Elena Centoira, Antonio Montero e Gustavo A. Garrido, baixo a moderación e organización de Leandro García Bugarín. Ante un público de máis de 200 estudantes do instituto, e no transcurso dunha hora, os relatores dialogaron entre si e cos alumnos para dar a coñecer a faceta máis humana de Carlos Casares.

Este acto desenvolveuse no marco da homenaxe ao escritor que o centro educativo vigués realizou durante o mes de marzo. Así pois, ademais da mesa redonda, entre as actividades destacaron un concurso de cartaces para o alumnado de primaria; a exposición “Os mundos de Carlos Casares” cedida pola Fundación; unha serie de presentacións “Power Point” realizadas polo alumnado de 4º da ESO sobre o escritor; a elaboración de material gráfico (un marcapáxinas); a organización de lecturas adaptadas ás distintas idades do alumnado; e a adaptación e representación de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas por parte do grupo de teatro do instituto.

Novamente, queremos agradecer a todas estas institucións o esforzo realizado para homenaxear a Carlos Casares tras dez anos da súa ausencia. Sen o seu xeneroso esforzo, todo isto non tería sido posible.