O pasado sábado 31 de marzo Javier Solano Rodríguez-Losada, Marqués de la Solana e presidente do Consello de Administración do Balneario de Mondariz, recibiu no castelo de Sobrado o premio Cumbres do Suído en Humanidades e Comunicación. O xurado, composto por 17 persoas, todos membros do Centro de Estudos de A Paradanta e O Condado, salientou os méritos do premiado, baseados en firmes valores empresariais postos de manifesto, principalmente, na recuperación do Balneario de Mondariz, mais tamén nos profundos valores humanos probados no mecenado de actividades culturais e sociais.
Hai 25 anos, Javier Solano inpulsou decididamente a recuperación do Balneario de Mondariz e o seu contorno, daquela en declive, xunto con Nicolás Alberte Meixengo e un grupo de empresarios galegos radicados en Madrid. O esforzo económico, laboral e político que concitou esta iniciativa conseguiu cambiar a imaxe e a economía de Mondariz-Balneario e, por extensión, influíu nos municipios limítrofes como unha onda de enerxía emprendedora que uns e outros souberon aproveitar.
Alegrámonos de que exista un premio destas características, que une empresa e cultura, impulsado, ademais, por un empresario: Maximino Fernández Sendín; e alegrámonos tamén porque o premiado é Javier Solano, un bo amigo que ten apoiado con entusiasmo os nosos Encontros de Mondariz-Balneario desde o principio. Parabéns a todos.