Xaime Isla Couto, último representante do galeguismo histórico, faleceu onte día 25 de abril en Vigo aos 96 anos de idade. Nacido en Santiago de Compostela o 24 de outubro de 1915 nunha familia humilde, criouse en Vigo onde estudou bacharelato. Posteriormente realizou en Pontevedra os estudos de maxisterio e licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.
Incorporouse de moi novo ao galeguismo, participando nos Ultreya, na creación da Federación de Mocedades Galeguistas e no Seminario de Estudos Galegos. En 1950 participou, xunto con outros galeguistas históricos, na creación da Editorial Galaxia, da que chegaría a ser presidente. Así mesmo foi cofundador de Grial, da Revista de Economía de Galicia, e da Editorial SEPT. Dentro da estratexia de Ramón Piñeiro de vertebración política da transición, liderou a Unión Democrática de Galicia, que se integrou no Partido Popular Galego, do que foi o seu presidente.
Paralelamente a esta intensa actividade galeguista, Xaime Isla desenvolveu a súa profesión como asesor xurídico entre outras empresas, da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, laboratorios Zeltia, Cementos Oural, e da Cooperativa de Madereiros de Pontevedra.
En memoria do seu irmán Ramiro, creou a Fundación Isla Couto e, dentro dela, o Instituto Galego de Estudios Comunitarios (IGESCO), deixando nas mans do profesor Xan Bouzada a área de Socioloxía Aplicada. Isla Couto tamén foi padroeiro das fundacións Penzol e Carlos Casares.
En 1999 ingresou na Real Academia Galega cun discurso titulado “Economía, linguaxe e poder” que foi contestado polo académico Carlos Casares.
Enlaces: Ficha de Xaime Isla Couto na Real Academia Galega
– Artigos de Xosé Luís Franco Grande e Xabier Martínez Cobas no Faro de Vigo
– Artigos de Xesús Fraga e Camilo Franco en La Voz de Galicia
– Noticias no blog da Editorial Galaxia