O pasado xoves 26 de abril tivo lugar no restaurante do Museo de Arte Contemporánea de Vigo a terceira sesión do “Sabor das Letras”, unha proposta de maridaxe entre literatura e gastronomía na que participan varias institucións e que a Fundación Carlos Casares organiza dentro da súa actividade dos Café Voltaire.
Para esta ocasión tivemos o privilexio de contar con Olivia Rodríguez González, doutora en Filoloxía española pola Universidade Complutense de Madrid e profesora titular de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade da Coruña. Baixo o gorentoso título de “Sabores e recendos con Urbano Lugrís”, a autora da edición de Balada de los mares del norte, deleitounos coas obras pictóricas de Urbano Lugrís, mais tamén con algúns dos traballos literarios do pintor. Salientou ademais aspectos da súa personalidade, como o seu histrionismo e a súa extravagancia, algunhas anécdotas da súa vida e aproveitou os seus textos para introducir o menú da xornada, composto por petiscos con toques mariños, como unha sopa de fígado de rape ou unha tortilla de navallas cortesía de Rianxeira. Dos textos de Lugrís o chef, Miguel Oliveira, tirou ideas para outros bocados como espetada de carne con pemento de Betanzos, cana de limón, milfollas de fiúncho con xeado de loureiro e ratafía servido con xunto cun saboroso café Illy.