Lasse Söderberg (Estocolmo, 1931) é poeta, ensaísta e tradutor. Ten publicado quince de libros de poemas, cinco libros de ensaios e traducido ao sueco ao redor de 70 obras de diversos idiomas, especialmente do español e doutras linguas latinas. Nesta faceta, traduciu obra de Federico García Lorca, Jorge Luis Borges e máis Octavio Paz. A súa antoloxía bilingüe de poesía chilena, desde Nicanor Parra a Raúl Zurita, foi premiada na Feria do libro de Santiago de Chile, en 2003.
Durante vinte años liderou o Festival Internacional de Poesía de Malmö, unha proposta de fusión de poesía, música e teatro no sur de Suecia. Alí mesmo, en Malmö, reside na actualidade e continúa organizando coa poeta Ángela García encontros lírico-musicais.
Unha faceta interesante de Lasse Söderberg é a de editor, a que cultiva con minuciosidade e soltura grazas á súa experiencia no ámbito literario internacional e ao se coñecemento das tendencias culturais do país escandinavo. Desde a súa editorial Aura Latina ten lanzado no mercado sueco o poeta chileno Gonzalo Rojas (1917-2011), eminente continuador das vangardas latinoamericanas, que foi galardoado co Premio Cervantes en 2003, así como diversos poetas cataláns e portugueses; todo isto en traducións realizadas por el mesmo.
Colabora regularmente cunha das revistas literarias máis divulgadas en Suecia, escribindo crónicas sobre poetas descoñecidos, esquecidos ou marxinados.
Söderberg, encadrado na Xeración sueca do 50, foi influenciado polo surrealismo francés, derivando posteriormente nun horizonte lírico cheo de imaxes cunha enorme forza evocadora. Algúns dos seus títulos traducidos ao castelán son: Pájaro en mano, (Ed. Devenir, Madrid, 1986); Caracol de Europa (Simón Editor, Bogotá, 2003); El otro brillo (Caja Sur, Córdoba, España, 2004); Las piedras de Jerusalén, (Ed. Arte y Literatura, La Habana, 2008).
Lasse Söderberg mantivo unha longa amizade con Carlos Casares, a quen introduciu no mundo literario sueco, compartindo con el moitas reflexións acerca da literatura europea e latinoamericana. Pola súa mediación coñeceu Casares importantes figuras da cultura sueca, como Artur Lundkvist (1906-1991), secretario da Academia, ou Tomas Tranströmer (1931), último Premio Nobel de Literatura.