Unha reunión de última hora da Universidade de Valencia impedirá a presenza de Arcadio López-Casanova no Gaiás, na sesión “Dez anos de poesía” do día 1 pola tarde. O seu lugar será ocupado polo profesor Jon Kortazar, amigo de Carlos Casares desde as estadías na Casona de Verines (Llanes, Asturias), onde se reunían anualmente unha pléiade de escritores nas diversas linguas do estado.
Jon Kortazar (Mundaka, Vizcaia, 1955) é Catedrático de Literatura Vasca na Universidade do País Vasco (Euskal Herrico Unibersitatea), UPV-EHU, e profesor visitante na Universidade de Santiago de Compostela (USC). É escritor en éuscaro e autor de numerosos traballos sobre literatura vasca do século XX, entre eles: Teoría y práctica poética de Esteban Urkiaga, Lauaxeta (1986); Euskal Literarura XX, medean (1990), que vai pola sexta edición; Luma eta Lurra (1997), en versión castelá La pluma y la tierra (1999); Diglosia eta euskal literatura (2002), e mais La narrativa vasca hoy. Una mirada desde la postmodernidad (2003).
Diversos traballos seus foron traducidos e editados en varios idiomas ademais do español, como o alemán, inglés, catalán, galego e ruso ou publicados en revistas especializadas como Literatur und Kritik (Salzburgo, 2009), Boletín Galego de Literatura (Santiago, 2008), ou a revista catalá de poesía Reduccions (Vic, 1984). Kortazar é conferenciante en numerosas universidades estranxeiras e docente nas de Ohio (EUA); Tubinga, Colonia, Berlín e Kiel (Alemania); Oxford (Gran Bretaña) e na Universidad Nacional de La Plata (Arxentina).
Na actualidade, Jon Kortazar forma parte tamén do equipo encargado da edicións da Historia da Literatura Vasca Contemporánea, da que xa saíron do prelo cinco tomos, e dirixe a Biblioteca Vasca Bilingüe, unha colección que ofrece traducións de autores vascos contemporáneos e leva editados xa vinte volumes. Por último, convén recordar que Jon Kortazar foi Padroeiro da Biblioteca Nacional e ostentou o cargo de vicepresidente da Sociedad de Estudios Vascos – Eusko Ikaskuntza, EI-SEV.