Esta mañá faleceu Kristina Berg Casares como consecuncia de complicacións no seu estado de saúde. Kristina Berg levaba ingresada nun centro hospitalario de Vigo desde hai dúas semanas por causa dunha neumonía e alí permanecía en estado grave aínda que estable. Despois dunha melloría que fixo albergar esperanzas dunha pronta recuperación, un derrame complicou o seu estado e venceu a súa resistencia.

Kristina Berg naceu en Halmstad, cidade portuaria do sur de Suecia, capital da provincia de Halland, o día 22 de xuño de 1948. Xa na adolescencia destacou pola súa simpatía e unha personalidade adornada con cualidades expresivas. Foi este carácter extrovertido o que a moveu a participar en actividades teatrais e cinematográficas, chegando a gravar varios episodios dunha popular serie de época para a TV sueca.

Unha desmedida paixón polo mar e un espírito aventureiro lévaa a iniciar os estudos de Náutica na Escola Naval de Suecia, viaxar nun buque escola e especializarse en patronaxe de embarcacións clásicas. No ano 1971 embarca no Aurora, que vai rumbo á India, como telegrafista. Cando chega a Bilbao, decide desembarcar para enrolarse noutro buque que está atracado na Coruña e toma o tren cara a capital herculina. É precisamente na altura de Ourense, como ela ten contado en tantas ocasións, cando coñece a Carlos Casares. O escritor ourensán convéncea para que visite Santiago de Compostela antes de embarcar, e ofrécese a levala ao porto da Coruña a tempo. Pero Kristina Berg nunca collerá ese barco e uns meses despois casa con Carlos Casares.

A partir dese momento as súas vidas pasan a ser moi diferentes e xuntas ábrense a horizontes inesperados para os dous. Ela queda en Galicia, coñece a importantes figuras do galeguismo: Ramón Piñeiro, Blanco Amor, Otero Pedrayo… e adopta unha lingua nova. Casares viaxa a Suecia e descobre persoas e ambientes que inflúen, de maneira definitiva, na súa forma de ver o mundo. Ese contacto de culturas e experiencias tan diferentes dá como resultado a aparición en Kristina da necesidade de contar cousas na súa lingua de adopción, “como se fose unha escritora galega”. Así, publica dúas pequenas obras de narrativa infantil, Un neno viquingo (1987) e Dona Galicia (1979).

Kristina Berg traballou tamén na Editorial Galaxia realizando transcricións de textos e outros labores administrativos, aínda que a súa traxectoria laboral se viu diminuída co nacemento dos seus fillos Håkan e Christian. A pesar de que sempre se mantivo nun segundo plano, apoiando ao seu marido nas dificultades que a vida lles deparou, foi consciente de cada paso dado a prol da normalización cultural do país.

Tras a morte de Carlos Casares en 2002 e a creación da Fundación que leva o seu nome, o 9 de setembro do mesmo ano, Kristina Berg fíxose garante da herdanza moral e cívica do seu marido, plasmada nos obxectivos fundacionais, e alentou cada movemento desde a discreción, a entereza e o respecto por todos. Grazas a esta actitude e ao seu amor por Galicia e os galegos, durante a súa presidencia, a Fundación Carlos Casares constitíuse como un dos referentes entre as institucións culturais privadas galegas da última década.

Kristina Berg Casares deixounos hai unhas horas, en Vigo, recén cumpridos os 64 anos de idade. A suma discreción que gastou durante a súa vida fai que os seus fillos respecten o seu desexo de circunscribir ás exequias á intimidade familiar, non celebrándose velatorio nin ceremonias públicas. A xente que o desexe pode enviar as súas condolencias á sede da Fundación Carlos Casares (Rúa Oporto, 1 – 1º andar, 36201-Vigo) ou ao enderezo fundacioncarloscasares@fundacioncarloscasares.org

Vídeo homenaxe a Kristina Berg