A Fundación Carlos Casares e a Vicerreitoría de Ourense, en colaboración coa Deputación de Ourense, afrontan unha nova edición do Curso Audiovisual de Celanova, do 18 ao 20 de xullo. Esta edición está orientada a debater as medidas creativas coas que afrontar a crise económica dende o sector audiovisual e contará coa presenza de numerosos persoeiros do audiovisual galego.
O director do Curso, Miguel Anxo Fernández, incorpora os filmes recoñecidos con cadanseu Goya á mellor animación, Arrugas e Birdboy, así como os documentais Tralas luces e Vikingland, e a ficción El sexo de los ángeles. As cintas serán presentadas polos seus autores, guionistas e productores, o que confirma a cita de Celanova como unha das imprescindibles do verán audiovisual galego.
A matrícula permanecerá aberta ata o mesmo día de inicio. Os asistentes dispoñen dun servizo de transporte gratuíto en autobús dende Ourense a Celanova, e o Concello da vila ofrece pernoctación de balde no albergue municipal. O Curso está recoñecido con 2 créditos de libre configuración para os estudantes universitarios de licenciatura e 1 crédito ECTS para os acollidos ao Plan Boloña.