Facémonos eco da triste noticia do falecemento en Asturias de Gregorio Peces-Barba, un dos sete relatores encargados da redacción da Constitución Española de 1978 e Presidente do Congreso dos Deputados durante a III Lexislatura (1982-1986). Xurista, profesor, militante do PSOE e eminente personaxe público de intachable traxectoria democrática, foi, diante de todo, un honrado cidadán. Naceu en Madrid o 13 de xaneiro de 1938 e, como lle gustaba repetir, o seu pai fixo dúas cousas polas que sempre lle estaría agradecido: mandouno estudar nun colexio laico, o Liceo Francés, e inscribiuno como socio do Real Madrid.

Licenciado e Doutor en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e Doutor en Dereito Comparado pola Universidade de Estrasburgo (Francia), recibiu doutoramentos Honoris Causa pola Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), pola Universidade de Vigo, en España,  e mais  pola Saint Louis University e polo Middlebury College, nos Estados Unidos de América. Despois de ser Catedrático de Dereito na Complutense, foino tamén de Filosofía do Dereito da Facultade de Ciencias Sociais e Xurídicas da Universidade Carlos III de Madrid, que el fundou e da que foi Reitor desde 1989 ata abril de 2007.

Pero Gregorio Peces-Barba foi tamén un Avogado en exercicio que defendeu de balde a moitos estudantes antifranquistas de toda España que eran levados diante do Tribunal de Orden Público (TOP). Un destes estudantes foi Carlos Casares, detido xunto con José Luis Aranguren en Santiago de Compostela en 1967. O Avogado Peces-Barba participaría, tamén, en procesos de fonda significación democrática, como o denominado “Proceso de Burgos”.

Lamentamos profundamente a perda dunha persoa tan singular, extremadamente amable e educada, hábil polemista e excelente conferenciante que tivemos a ocasión de recibir entre nós en dúas ocasións aínda recentes: nos VII Encontros de Mondariz-Balneario, en 2009, onde participou en todos os coloquios e deu a tradicional conferencia pública, e mais na Cátedra Carlos Casares da UVigo-Campus Ourense, en 2010, como poñente no curso “Os dereitos humanos no século XXI” da Facultade de Dereito, que organizou en 2010 a nosa Fundación en parcería co Instituto Bartolomé de las Casas de Derechos Humanos da Universidade Carlos III de Madrid. En ambas ocasións gozamos da súa compaña, da súa palabra e das súas atencións. E incluso non lle tivemos en conta que derrotase, en senllas ocasións e de maneira contundente, as parellas de dominó que inutilmente lle opuxemos. Que descanse en paz.