Baixo o título “Con barqueira e remador”, entre o 29 de outubro e o 3 de novembro terá lugar na Illa de San Simón un obradoiro especializado, dirixido a un grupo de participantes chegados dende diversas linguas europeas. Nesta ocasión reunirá sete poetas de recoñecido prestixio en lingua finesa, croata, rusa, catalá, islandesa, eslovena e galega. Todos cumpren o dobre perfil de seren poetas recoñecidos/as dentro dos seus sistemas literarios e á vez posuír experiencias –en distinto grao- como tradutores/as.

Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia concibida a semellanza doutros proxectos de tradución de grandes literaturas que se levan a cabo en países europeos. Ao longo dunha semana, os e as participantes convivirán e traballarán para trasladar os seus textos, de ata sete páxinas por autor, a cada unha das linguas representadas neles mesmos.

“Con barqueira e remador” é unha iniciativa promovida por Cultura e Educación –a través das súas secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e da Fundación Illa San Simón– en colaboración coa institución británica Literature Across Frontiers, baixo a coordinación da escritora Yolanda Castaño.

Entre as actividades abertas ao público salientamos a organizada pola Fundación Carlos Casares: unha ruta literaria polo Vigo literario titulado “Non morrerán fermosos”. Nela, Gustavo A. Garrido, director da Fundación, irá relatando anécdotas e fitos relacionados con autores e autoras da escrita local e universal. Será o xoves día 1 de novembro de 17.30 a 19.00 horas, comezando en Urzaiz, nº 1.

Outras actividades complementarias son:
– Martes 30 outubro, 19:30h: Mesa Redonda “CERCANDO AS ONDAS. Que significa ser poeta en… (Finlandia, Croacia, Cataluña, Letonia, Eslovenia e Islandia)”. Pazo de Mugartegui. Pontevedra (en colaboración coa AELG)
– Mércores 31 outubro, 19:30h: Recital poético multilingüe “ATENDENDO Ó MEU AMIGO”. Museo do Mar de Galicia (Samil, Vigo).
– Venres 2 novembro, 20h: Recital poético multilingüe “ATENDENDO Ó MEU AMIGO”. Auditorio da Biblioteca Pública Municipal de Redondela.

Os poetas desta primeira edición do Obradoiro “Con barqueira e remador” serán: Marko Pogacar (croata), Merja Virolainen (finés), Txema Martínez (catalán), Brane Mozetic (esloveno), Margrét Lóa Jonsdóttir (islandés), Sergej Timofejev (letón de expresión rusa) e Yolanda Castaño (galego).