No marco do I Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador”, que tivo lugar en San Simón do 29 de outubro ao 3 de novembro, coordinado por Yolanda Castaño, a Fundación Carlos Casares organizou, o día 1 de novembro, un roteiro polo Vigo literario titulado “Non morrerán fermosos”.
Gustavo A. Garrido, director da Fundación, foi relatando aos máis de vinte asistentes diversas anécdotas e fitos relacionados con autores e autoras da escrita local e universal. Cunha duración de algo máis de 90 minutos, os asistentes percorreron lugares emblemáticos do centro da cidade olívica onde estiveron presentes, entre outros, Celso Emilio Ferreiro, Camilo José Cela, Ernest Hemingway, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Plácido Castro, Jules Verne e o seu editor Pierre Jules Hetzel, etc. Houbo oportunidade de poñerlle voz, tanto en galego coma en inglés, a fragmentos da obra dalgúns destes escritores, así como relatar sorprendentes historias, moitas delas descoñecidas para os habitantes de Vigo.
O roteiro contou coa colaboración de dúas alumnas de último ano da carreira de Tradución e Interpretación, en calidade de prácticas, que se encargaron de traducir ao inglés – idioma oficial do Obradoiro – as explicacións dadas en galego, así como os fragmentos textuais lidos nas diversas paradas do percorrido. Tamén asistiron, ademais dos poetas do Obradoiro Internacional, representantes do Consello Asesor do Voluntariado (OMV do Concello de Vigo) e público interesado. O evento rematou diante da estatua dedicada a Jules Verne, no paseo marítimo – Montero Ríos, onde posaron os poetas participantes no Obradoiro de San Simón.