A literatura consegue a maxia de que os escritores vivan polas súas obras. A homenaxe organizada hoxe día 22 a Carlos Casares, na que participaron os Institutos de Ensinanza Secundaria co nome do escritor ourensán, foi un bo exemplo disto. Casares estivo presente como se estivese sentado ao carón dos estudantes, cun sorriso limpo e retranqueiro.
O acto de homenaxe, no que estivo presente o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, tivo lugar ás 11.45 horas no auditorio da Biblioteca Penzol, na Casa Galega da Cultura, na que se deron cita case 80 alumnos dos IES Carlos Casares de Viana do Bolo e de Vigo. Tras unha presentación de Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol, os alumnos e alumnas dos centros iniciaron unha serie de lecturas en recordo de Carlos Casares. Así pois, Lucía fixo un breve repaso pola súa biografía; Alicia leu unha carta de Carlos Casares sobre Viana do Bolo; Rocío leu unha emotiva carta de antigos alumnos de Viana dirixida a Casares. Houbo un momento especial no que sete alumnos do IES Carlos Casares de Vigo fixeron unha lectura dramatizada do conto “A rapaza do circo” de Vento ferido. E, por último, Álex leu unha marxe dedicada ao famoso gato Samuel.
Tras a lectura dos textos, o alumnado visitou as instalacións, consistentes no espazo Ramón Piñeiro, o museo Fernández del Riego e a biblioteca Fermín Penzol. Non faltou a foto de grupo dunha experiencia viva e vibrante.