A Casa Museo Tomás Morales, de Gran Canaria, vén de remitirnos a súa última publicación baixo o título Azul: pintura simbolista de la España Atlántica. Galicia-Canarias (1880-1939). O seu autor, Juan Almeida Cabrera, é profesor e catedrático de Ensinanzas Medias, e creador da Casa da Cultura e do Museo de Arte Canaria do século XX de Araucas.

Esta obra, que obtivo a bolsa de investigación 2008, ofrece unha visión descoñecida das relacións entre dúas autonomías con bastantes elementos socioculturais en común e marxinadas pola visión centralista española sobre o simbolismo europeo, en particular na pintura. O autor plantea, fronte á España “branca” de Sorolla e á “negra” de Zuloaga ou Solana, unha España “azul”, vencellada ao ensoño, á literatura e á música, onde a dita cor xoga un papel emblemático.

Tras unha introdución sobre o nacemento desta especialidade na historia da arte europea e un estudo da música e pintura simbolista, abórdase con especial interese o triángulo de relacións entre os literatos Valle-Inclán, Tomás Morales e o pintor Néstor, analizando as obras en ambas autonomías seguindo os apartados temáticos relacionados co retrato, a paisaxe, a muller, relixión e morte, e a mitoloxía, outras literaturas e alegoría. Estuda similitudes e diferenzas temáticas e estilísticas entre os pintores de Galicia e Canarias, profundizando na análise das obras pictóricas. Destaca, por exemplo, que ambas comunidades inician, case de forma simultánea, cadanseu movemento renovador da cultura con raíces no simbolismo e no modernismo: a Escuela de Artes Decorativas Luján Pérez en 1918 (As Palmas) e as Irmandades da Fala en 1916 (A Coruña).

Esta obra pon en valor a pintores e autores desta arte, como Xesús Corredoyra, Ovidio Murguía, Bello Piñeiro, Manuel Bujados, Díaz Baliño, Máximo Ramos, Castelao, Juan Luis López García ou Francisco Borges Salas, por citar algúns.