Álvaro Cunqueiro, Emilia Pardo Bazán, Valle-Inclán, Manuel Rivas, Camilo José Cela ou Carlos Casares. Así, ata un total de 15 autores conforman a antoloxía titulada Cuentos gallegos, que a profesora Magdalena Aguinaga seleccionou para este libro electrónico que, dende o pasado luns, pode descargase de balde na web da Deputación de Pontevedra.

Os contos incluídos nesta antoloxía cobren dende o Rexurdimento ata as últimas décadas do século XX, ordenados de forma cronolóxica para que os lectores poidan seguir a evolución das diferentes épocas da literatura galega, escrita tanto no idioma do país coma en castelán. Xa que logo, mostra unha diversidade de extensión, contidos, temas, enfoques e estéticas.

A antoloxía péchase, a modo de homenaxe a Carlos Casares, cunha versión bilingüe (a única da antoloxía) de “Cando cheguen as chuvias”, pertencente a Vento ferido. Presenta a particularidade de que a versión orixinal elixida correspóndese á da primeira edición,  de 1967, xa que esta é a versión sobre a cal se baseou a tradución de Luz Pozo Garza, que recibiu ademais os eloxios do escritor ourensán.

Unha interesante antoloxía que non debedes perder.

Enlace: Cuentos gallegos