En 2010, tal día como hoxe, coñeciamos a triste nova do falecemento de Marcos Valcárcel, un bo amigo e colaborador da Fundación, e un infatigable loitador pola lingua e a cultura de Galicia. Traemos aquí un pequeno texto de Marcos, a modo de homenaxe, onde fala do seu amigo Carlos Casares, co cal compartiu momentos irrepetibles.
“FALADOIROS VIVOS
A presenza de Casares era sempre anuncio de faladoiros vivos. Tivo a súa casa pública na cidade no Liceo de Ourense, acudindo puntual aos seus convites e organizando os seus Coloquios Literarios de outono. […] poucas veces o vin tan divertido como nunha mesa redonda que pechou o primeiro encontro (de Escritores Ourensáns), no Teatro Principal, onde Marx acabou mesturado coas piscinas de Oira e Hegel coas Burgas. Casares, sentado ao meu lado, estaba feliz e ría coma un neno ilusionado. Noutro destes encontros, trinta persoas tomando café no Liceo, lían poemas de Chus Pato, Manuel Guede e outros e Casares dime á orella: Cada un dos que está aquí sentado ten un poema escrito escondido no peto“.
Extracto do artigo escrito en La Región, sección “As uvas na solaina”, o 17 de marzo de 2002.