Onte, martes 11 de decembro, tivo lugar no restaurante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo a sexta e última sesión deste ano do Café Voltaire – “O Sabor das Letras”. Nesta ocasión excepcional, con data mudada dende o noso tradicional xoves de fin de mes, tivemos o pracer de recibir como conferenciante a Juan Fernando de Laiglesia (Madrid, 1946), profesor de Belas Artes da Universidade de Vigo, catedrático de Escultura e director do grupo de investigación Según-PE1. Dinamizador inquieto, preocupado pola transversalidade da arte nos dominios da ciencia e a tecnoloxía, asi como nas posibilidades investigadoras do artista, ten volcado gran parte das súas ideas en Teoría bruta de la forma frágil, Máquina para dibujar metáforas e La desaparición del fetiche, que recollen a súa visión sobre teoría e práctica da arte.

Baixo o suxestivo título “Chuvia de caviar saudando á lúa”, Juan Fernando falounos sobre a presenza da  comida na arte contemporánea a través de diversas obras, xogando con textos e imaxes, pero tamén con sons que asociou a características organolépticas de alimentos e preparacións culinarias. A modo de comparación, escolleu varios artistas contemporáneos con características similares pero complementarias: Laxeiro e Koldo Agarraberes, J. Pollock e Gonzalo Nicuesa, ou Max Ernst e Din Matamoro, entre outros.

Miguel Oliveira volveu a oficiar de chef e sorprendeunos con seis bocados construidos (e descontruídos) en estreita relación coas diversas fases da conferencia, facendo real esa mestura de sabor e saber proposta por Juan Fernando de Laiglesia. Destacaron o falso caviar de tortilla, o taco de touciño confeitado con area picante de mazapán ou o crocante de arroz con chocolate e luras na súa tinta. Todo iso foi, efectivamente, unha explosión de sabor e de saber, matizada por un viño especial das adegas Terras Gauda, un La Mar creado a partir dun 85% de caíño branco, un 10% de uva Alvariña e un 5% de Loureiro.