O pasado día 21 de marzo tivo lugar en Vigo a primeira sesión do Café Voltaire – O Sabor das Letras de 2013, actividade que conta co apoio da Concellería de Cultura e Festas do Concello de Vigo. Para inaugurar esta nova etapa de eventos onde gastronomía e cultura se unen de forma sinérxica, contamos coa presenza de Manuel Gago, director de culturagalega.org, blogueiro de renome grazas ao seu sitio web “Capítulo 0“, e entusisasta investigador do patrimonio e a gastronomía galega.
Baixo o título “Da materia vexetal. Unha homenaxe a Frei Martín Sarmiento”, Gago sentou as bases da súa intervención baixo a premisa da perda da rica variedade vexetal do país. Puxo como exemplo a basta recolección do Padre Sarmiento nas súas viaxes. Cada pranta que recolectaba tiña un nome para os veciños, o que significa que tiña un uso. Pero os procesos industriais fomentaron a uniformización das sementes, e nos anos 40 e 50 as variedades tradicionais galegas foron desaparecendo. Grazas á Misión Biolóxica de Galicia foi posible a recolección destas variedades e o seu arquivo para un momento como o actual.
Gago puxo como o exemplo do anterior un dato relativamente descoñecido: Galicia é a maior produtora de mazás do norte de España, e conta con máis de 400 tipos de mazá. Investigando as súas orixes, descubriron que xa en Galicia hai lagares rupestres, mesmo anteriores á época romana, o que dá conta da súa importancia tanto no pasado como na actualidade. Grazas á pequena empresa, Lagar da Ribela, os presentes puideron degustar unha gorentosa sidra.
Para a presentación do seguinte bocado, cortesía de Eidos de Iria, Manuel Gago falou de como Galicia perdeu os olivos. Os Reis Católicos, para potenciar as terras conquistadas e incentivar o cultivo de alto valor, decidiron que se talasen os olivos galegos e plantalos nas novas terras. Mesmo así a variedade galega non deu desaparecido, e posteriormente decidiuse gravar cun imposto especial os olivos galegos. Isto case provoca a súa extinción, e mesmo agora a varietal priomaria do olivo galego leva por nome “olivo bravo”.
Para os seguintes bocados contamos co apoio doutra empresa galega que traballa con variedades do país: La Finca de los Cuervos, de Santiago Pérez. En colaboración co CSIC e coa Misión Biolóxica de Galicia, están a realizar un labor de recuperación de variedades perdidas para a venda a cociñeiros e restaurantes. Poñendo como exemplo a recuperación do “chícharo bágoa”, que pode alcanzar os 300 euros por quilo, recollido, pelado e calibrado a man.
Por último, os asistentes á sesión do Sabor das Letras puideron gozar cun Gin tonic á nébeda, unha pranta aromática de fácil obtención e moi usada na cociña tradicional. O viño, Mira Martín (2012), saboroso Godello de Monterrei, foi cortesía de Mártin Códax.