O pasado xoves 25 de abril, a segunda sesión de O Sabor das Letras foi conducida pola profesora Camiño Noia que falou da presenza da comida e os hábitos de xantar no eido da narrativa oral e de como, en moitos casos, diversos conceptos e ideas foron pasando ao acerbo da narrativa escrita. A través dunha serie de contos populares foi ilustrando os catro ámbitos que aparecen reflectidos de maneira constante e universal: a consecución directa do alimento; a súa produción; a elaboración e transformación do alimento, e o protocolo que se desenvolve arredor da comida.
Para demostrar que a comida escenifica a orde social, a conferenciante foi abordando os contos populares desde unha perspectiva temática, para logo evidenciar o contido gremial ou profesional e rematar con varios exemplos que marcaban unha visión de xénero. Foron lidos algúns deles, íntegra ou parcialmente: “O caldo de pedras”; “A raposa e o galo”; “O home famento”; “Papas papiorum”; “A muller tragona”, e mais “O farsante descobre o adulterio: o marido cómelle a comida ao amante”.
A cociña do Restaurante & Café MARCO preparou os seis bocados de rigor, coherentes cos temas e os textos que a conferenciante ía expoñendo: un caldo en consomé; folliñas de xamón sobre pan branco da Somoza (Astorga); repolo forneado en bechamel; xoubiña con mollo de allo e cilantro; guiso de fabas con pataca e cebola, e unha sobremesa campesiña de papas de trigo. O viño da sesión foi un albariño do Salnés: Follas Novas (2012) de Adegas Paco & Lola, de Meaño. O peixe, como sempre, foi cortesía da conserveira Cabo de Peñas e a Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar. O acto conta co apoio da Concellería de Cultura e Festas do Concello de Vigo.