O xoves día 23 de maio dedicamos “O Sabor das Letras” a un tema especial, tanto polo seu contido como pola súa novidade: as algas comestibles e a súa introdución na cociña galega. Para iso contamos coa voz máis autorizada que temos en Galicia, a cociñeira Eva Crespo Vázquez, especialista en cociña vexetariana, que ven de publicar un libro de receitas a base destas verduras de mar: Cociñar con algas (Galaxia, 2013).
O libro é o resultado da conxunción do saber culinario de Eva Crespo co coñecento e a práctica industrial de Algamar, a empresa dos irmáns Clemente e Fermín Fernández Sáa ubicada en Pazos de Borbén que se dedica á colleita e preparación de algas comestibles da nosa ribeira atlántica para o mercado europeo. Foi precisamente Fermín Fernández Sáa quen explicou o proceso que leva ás especies comestibles desde o litoral de Cangas ás cociñas e pratos dos restaurantes, despois do secado e embalaxe do vexetal. Ata catro toneladas de algas frescas pasan diariamente polas instalacións de Algamar.
Eva Crespo presentounos un variado abano de algas comestibles e os seus produtos, todos eles á nosa disposición: Wakame (Undaria); Kombu (Laminaria); Nori ( Porfira); Espaguete (Himantalia); Dulse (Palmaria), e Agar-agar (Gelidium), entre outras. Para combinar cos alimentos tradicionais a modo de ensaladas ou sopas, ou para preparar como único ingrediente, todo iso co único límite da nosa imaxinación e o particular padal de cadaquén.
O menú deseñado pola conferenciante e preparado polos chefs Brais Veiro e Juan Suárez-Llanos Vallén, consistiu nun entrante de Espaguete de mar remollado en adobo sobre pan; torta de peixe vexetal con alga Nori; Arroz con cabaciñas e Wakame; Ensalada de garavanzos con algas Kombu; unha crema de cabaza con Dulse, e máis un pastel de Aga-agar, pera e amorodos, como sobremesa. Un verdadeiro festival de sabores da nosa despensa vexetal. Ademais, ao remate da sesión, todos os comensais recibiron unha mostra de algas para ir experimentando na casa, cortesía de Algamar. Este acto conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Festas do Concello de Vigo.