O día 11 de febreiro de 2010 iniciaba a súa andaina O Sabor das Letras, a sección do Café Volatire que mistura arte, literatura e a gastronomía . Nacía con carácter mensual e grazas a unha estreita colaboración a catro bandas entre a nosa Fundación, a Agrupación de Amigos do MARCO, o propio museo vigués e máis o Restaurante & Café MARCO; un proxecto común que leva funcionando de maneira exemplar desde aquela.
Lembraredes que foi Manuel Gago o conferenciante que inaugurou a actividade. A el trouxemos novamente para abrir a temporada deste ano, deseñada para abordar as cociñas étnicas, como se di agora, as cociñas baseadas nos produtos rexionais delimitados pola xeografía ou pola cultura inmediata. Co mesmo propósito invitamos a Yashmina Shawki para marcar o ecuador da actividade, xusto ás portas da paréntese estival.
A sesión de Yashmina Shawki celebrouse o xoves 20 de xuño baixo o título Os mil e un sabores de Baghdad, a través da que partimos a unha marabillosa viaxe pola cultura iraquí.
“Baghdad, que na lingua persa viña sendo o agasallo de Deus, é a capital do Iraq e foi fundada preto das ruínas de Babilonia polo califa Al-Mansur (O Victorioso), en 761″. Con estas palabras entramos no festival de sabores e aromas característicos da gastronomía tradicional baghdadí, debuxados a partir dunha selección de bocados preparados polo chef Brais Veiro.
Yashmina Shawki mostrounos, ademais, a cultura material que se expresa na arquitectura institucional, relixiosa e civil, asi como a cultura inmaterial reflectida na literatura e na música, porque ningunha manifestación do espírito dun pobo existe por separado e moito menos -salientou- a gastronómica.