E se miramos as videiras como as páxinas onde se escribe un relato da vida rural, con suor en vez de tinta? E o viño como a emoción que agroma dun traballo manual lento e minucioso? é dicir: o viño como arte. Visto así xa non estraña esa atracción irresistible que o mundo da viña exerce sobre homes e mulleres de orixe diversa, urbana ou rural, tanto ten, pois a todos ata coa mesma forza. No Café Voltaire quixemos poñer de protagonista ao adegueiro, para intentar coñecer o impulso que os move ou, polo menos, observar de preto a súa paixón. Para iso artellamos un monográfico en dúas sesións consecutivas.
Na primeira sesión, celebrada o xoves 26 de febreiro, escoitamos a tres vignerons dos sete seleccionados polo fotógrafo Michael V. Kopa, alma do proxecto Viños con raíces e autor dos retratos que nos acompañarán ata o día 5 de marzo. O primeiro foi Xosé Lois Sebio, de Viños de encostas, unha adega que nos trouxo dúas mostras: O Con, un Albariño Rías Baixas criado preto do mar, e Super Héroe, un Ribeiro tinto asombroso polos matices. Ambos os dous de cepas moi vellas, que lle aportan a personalidade caracteristica dos viños de terroir.
Maria José Yravedra contounos a súa experiencia con Ronsel do Sil, unha adega famillilar que recuperou na Ribeira Sacra, en Parada do Sil, en plenos socalcos sobre o río. Ela nos trouxo Ourive, un Godello de cepas criadas sobre lousa do río Bibei de requintada fasquía (apenas 800 botellas), e Vel’uveyra, un Mencía cos pés plantados sobre o solo granítico do Sil, dun cromatismo exhuberante.
Pechou a a sesión o enólogo e adegueiro Roberto Regal, que nos trouxo dous tintos de marcada personalidade: Nesta Ourela, Verdello criado en Negueira de Muñiz, na cunca do río Navia, nas fronteiras de A Fonsagrada e Asturias, e un Mencía xove da adega familiar, Diego de Lemos, saído das vellísimas cepas de Chantada, ben coidadas pola aboa María Esther Teijeiro Lemos.
Roberto Regal trouxo, ademais, a Francisco Xavier Almuíña, que veu desde a Casa do Romualdo da terra de Taboada, a cantarnos unha ladaíña a propósito do viño e da costume de o beber. Fíxonos recordar a magnífica sesión que el protagonizou o 23 de abril do ano pasado, tan comentada.
Foi, como é habitual, a man do chef Miguel Oliveira, a encargada de facer o milagre e preparar cinco bocados exquisitos que non interferisen na cata dos distintos viños, Por orde de aparción, foron: taco de tetilla con millo crocante; follado de bocarte con afumado de carballo; escuma de requeixo con berberechos Pay Pay; chupito de puré de garabanzos en caldo, e máis uns suculentos mini sándwich de mozzarella con tapenade.