Carlos Casraes en blanco y negroO día 8 de xullo xa o anunciaban algúns medios. O pleno da Real Academia Galega (RAG) reuníase para facer a escolla da persoa homenaxeada co Día das Letras Galegas para o ano 2017. Entre os nomes propostos, ademais de Carvalho Calero, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales, estaba o de Carlos Casares.

Reunido o día 9 de xullo pola mañá, o plenario acordou en primeira votación dedicar a Carlos Casares o Día das Letras Galegas do ano 2017. Os membros destacaron que o escritor ourensán foi “unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX”, salientando a súa condición de narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, así coma “o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual”. Así mesmo, fixo fincapé en que “alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega”. A RAG conclúe que a escolla de Casares “reforzará o prestixio da nosa lingua e literatura, non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria”.

Na mesma sesión nomeouse académica numeraria electa a María Pilar Jiménez Aleixandre (Marilar Aleixandre) e oficializáronse as propostas de María Xesús Pato Díaz (Chus Pato) para ocupar a vacante de número producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro e a de Clodio González Pérez como académico correspondente.