img_1527

Ofrenda diante do nicho de Carlos Casares. (foto de María Villar)

Co gallo da celebración do Día da Restauración Lingüística de Galicia, o sábado 29 o concello de Nigrán decidiu lembrar a Carlos Casares, veciño do municipio, que descansa no seu cemiterio desde hai catorce anos. Foi un acto sinxelo e xeneroso que consistiu nunha ofrenda floral realizada polo alcalde, Juan González Pérez, en presenza dos familiares do escritor, de membros da corporación, de veciños e mais do secretario da Fundación Carlos Casares.

Especialmente emotivo foi o detalle de incluír na mesma homenaxe a outros dous veciños: o mestre Vázquez Grela e unha vítima anónima que descansa na parte civil do cemiterio, ambos os dous fusilados no comezo da guerra civil de 1936 polo seu compromiso coa cultura e a liberdade.  Foi un privilexio para nós compartir eses momentos cos familiares de José Vázquez Grela e ver, tamén, con qué cariño e respecto se coida a tumba desa vítima anónima, que foi rescatada da fosa de Sanxián en 2010 por iniciativa do Instituto de Estudos Miñoranos. Nestes días, nos que cada familia honra a memoria dos seus difuntos, sentímonos profundamente agradecidos.

Ofrenda floral ao mestre José Vázquez Grela

Ofrenda floral ao mestre José Vázquez Grela (foto de María Villar).

Ofrenda floral á vítima anónima da fosa de Sanxián.

Ofrenda floral á vítima anónima da fosa de Sanxián (foto F CC).