Media ducia de exposicións monográficas, simposios, homenaxes, reedicións e faladoiros conforman o groso da programación dedicada á figura de Carlos Casares no ano no que as Letras Galegas de dedican á súa figura. O presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares Mouriño, asistiu onte á presentación na Cidade da Cultura do calendario de eventos, nun acto ao que acudiron, entre outras persoas, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz.
A Fundación organizará durante o 2017 catro exposicións itinerantes. A mostra central, titulada Os mundos de Carlos Casares, conta co apoio da Xunta, da Deputación de Ourense e do Concello de Xinzo de Limia, localidade natal do escritor. Trátase dunha exploración do arquivo persoal de Casares a través de paneis, documentos orixinais, fotografías e pezas audiovisuais que achegan a súa figura a través do tempo.
A mostra O Principiño ao redor do mundo levará a preto dunha ducia de centros educativos a colección persoal de volumes do libro de Saint-Exupéry reunida por Casares. Nela hai sitio para máis dun cento de exemplares editados en sesenta linguas. Mentres, a exposición Carlos Casares e a fotografía, que se poderá ver en Xinzo, xunta 70 imaxes tomadas polo escritor, retratando a súa vida familiar e as súas amizades. Tamén en Xinzo, e noutras localidades pendentes de pechar, poderá verse unha recompilación das portadas dos libros publicados polo autor, dentro da mostra As caras dos libros.
A oferta de exposicións de gran formato complétase con Casares na Biblioteca de Galicia, que amosará no Gaiás unha selección de volumes da colección persoal do escritor. Esta gárdase na Cidade da Cultura e contén primeiras edicións, manuscritos e outros obxectos literarios.
A Fundación prepara tamén unha serie de faladoiros arredor da figura do autor, e un documental sobre a súa vida e obra, que contará co apoio da Xunta.
No que toca ao teatro, a Fundación coproduce, xunto co Centro Dramático Galego e Talía Teatro, o espectáculo Os mortos daquel verán, baseado no libro de Casares e coa dirección de Artur Trillo. O grupo Xardín Desordenado e a Orquestra Clásica de Vigo ofrecerán, do mesmo xeito, concertos nos que porá música a textos do autor.
da cultura galega do seu tempo. Nos vindeiros días a Fundación anunciará unha serie de iniciativas que se están a pechar con
centros educativos, asociacións, concellos e outras entidades, co fin de potenciar a figura do escritor ourensán e o seu legado cívico e cultural.
A programación propia da Fundación Carlos Casares compleméntase con gran cantidade de eventos convocados por entidades como a Consellería de Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia, a CRTVG, as Universidades, o Centro PEN Galicia, o Consello da Cultura Galega, concellos, compañías de teatro, grupos musicais e asociacións. Roteiros, certames, lecturas públicas da obra de Casares, reedicións, actividades en colexios e homenaxes institucionais e cidadáns recordarán a importancia de Carlos Casares tanto na dimensión literaria coma na do compromiso con Galicia e a súa cultura. A Real Academia Galega elaborou un completo dosier no que se poden consultar as accións confirmadas ata o momento.