Os mundos de Carlos Casares é a exposición central organizada pola Fundación Carlos Casares no ano no que se lle dedica ao escritor o Día das Letras Galegas. Integrada por materiais audiovisuais, obxectos persoais, imaxes inéditas e documentos históricos, a mostra visitará varias cidades galegas durante todo o 2017, ofrecendo ademais actividades complementarias para dar a coñecer mellor a figura do autor.

A proposta de Os mundos de Carlos Casares é unha viaxe pola obra, a vida e o tempo do escritor, figura central para a cultura galega no final do século XX. Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez, a exposición reestrutura e amplía outra mostra que se puido ver en varios puntos de Galicia entre os anos 2003 e 2012. A nova proposta cun deseño expositivo feito polo estudo coruñés Creus e Carrasco, especializado en exposicións de gran formato.

Como gran novidade, Os mundos de Carlos Casares aproveitará os traballos de catalogación do Arquivo Persoal, realizados de 2010 a 2012, e da investigación derivada deles, que se demostrou unha riquísima fonte para coñecer ao escritor. Contará con soporte audiovisual, ademais de paneis textuais explicativos, obxectos cotiáns, documentos e pezas históricas e fotografías orixinais, encadrados nun fondo histórico que permite coñecer mellor a época que lle tocou vivir a Casares.

A exposición pasará ao longo do ano 2017 por varias cidades galegas, como Ourense, Vigo ou Xinzo de Limia, e outras localizacións pendentes de pechar. En paralelo, ofreceranse outras actividades culturais relacionadas co ano en que se lle dedica a Carlos Casares o Día das Letras Galegas (conferencias, lecturas, concertos ou actividades teatrais).

A Fundación Carlos Casares ten programadas para este ano outras dúas mostras, O Principiño ao redor do mundo e As caras dos libros, que levarán a figura do escritor por varias vilas de Galicia. Ducias de actos como faladoiros, representacións musicais e teatrais, homenaxes institucionais e cidadáns, reedicións ou simposios desenvolveranse por toda Galicia en recordo de quen foi un dos máis destacados defensores da súa cultura.