Un home rememora o episodio que marcou a súa infancia: a desaparición do criado Nicolás mentres os dous pescaban, arrastrado ao fondo do mar por un mítico polbo xigante. Nun primeiro momento, o rapaz cre o que lle conta a Delfina: que o polbo non é outro que o xastre de Agüeiros, amante da troula, reencarnado e en busca que compañeiros de festa. Co tempo, e tras moito debate con Delfina, o mozo deixará de crer a historia… ou non de todo.
O relato curto Un polbo xigante, publicado por Galaxia en 2000, revive en apenas corenta páxinas o espírito divertido e paradoxal e o ton de realismo máxico de obras como Os escuros soños de Clío. A obra, a última ficción publicada por Carlos Casares en vida, acompañouse con ilustracións de Luis Castro Enjamio, e é un tenro debate entre imaxinación e realidade no que ningunha das dúas partes ten por que saír derrotada.