Hemingway en Galicia xorde, como explica o seu autor no prefacio, da sorpresa que sentiu Carlos Casares ao atopar mencións a Galicia na obra do Premio Nobel de 1953. Explica Casares que este interese se iniciou sendo el estudante en Compostela, e que o levou a preguntar a amigos ben informados, como Ramón Pieñeiro ou Ricardo Carballo Calero, pola procedencia de varias pasaxes nas que o autor norteamericano fala de lugares e paisanos galegos, en obras como For Whom the Bell Tolls ou Green Hills of Africa.
Durante anos, Casares recompilou información de diversas fontes, nomeadamente de cartas persoais, para reconstruír, neste libro publicado por Galaxia en 1999, as polo menos cinco viaxes que Hemingway fixo a Galicia. Fascinárono o país, a súa natureza e, sobre todo, a cidade de Santiago de Compostela, onde pasou varias temporadas. Hemingway visitou tamén Ourense, Verín, A Coruña ou Vigo, en cuxos pescadores baseou a personaxe da súa inmortal The Old Man and the Sea.
O libro complétase cunha antoloxía de cartas do escritor estadounidense nas que se cita a Galicia, dirixidas a correspondentes como Francis Scott Fitzgerald ou John Dos Passos, e traducidas ao galego por Hakan e Christian Casares.