O Día das Letras dedicado a Carlos Casares comeza a dar os seus froitos bibliográficos coa edición de varias obras inéditas, libros sobre o autor e reimpresións longamente esperadas.
Dúas biografías, escritas por bos coñecedores da vida e da obra de Casares, acaban de saír do prelo e diríxense a lectores de signo ben diferente. Por unha banda, Damián Villalaín, amigo e colaborador próximo, publica Carlos Casares. Vida e literatura, un volume editado por Xerais que ten como destinatarios os nenos e nenas de ensino primario; o texto repasa a vida do escritor, facendo parada nas súas creacións principais e, especialmente, nas dirixidas á infancia.
Por outro lado, Henrique Monteagudo Romero edita a través de Galaxia o volume Carlos Casares. Un contador de historias. Trátase dun percorrido biográfico que presta especial atención á relación entre as vivencias e a creación literaria do autor homenaxeado co Día das Letras 2017, á pegada que deixou a vida nas páxinas dalgunhas das obras fundamentais da literatura galega contemporánea.
A Editorial Galaxia acaba de sacar á rúa os volumes que recompilan os artigos publicados por Casares en La Voz de Galicia entre 1999 e 2002. Estes tres volumes (Á marxe, 1999. Obra xornalística, VIII; Á marxe, 2000. Obra xornalística, IX; e Á marxe, 2001-2002. Obra xornalística, X) completan a colección integral das pezas que cada día seguían na contraportada do xornal milleiros de lectores. Ata o momento editáranse volumes reunindo os escritos entre 1992 e 1998.
A editorial Galaxia acaba de reimprimir tamén a saga dos ‘Toribios’, publicada orixinalmente nos primeiros anos noventa. Este é Toribio, Toribio e o contador de contos, Toribio ten unha idea, Toribio revoluciona o tráfico… Os libros, dirixidos a público infantil, foron precursores das series de contos para mozos que hoxe son tan habituais, e reflicten o humor e a fascinación pola tecnoloxía que sempre marcaron a personalidade de Casares.
Non serán estas as únicas novidades bibliográficas dedicadas a Carlos Casares neste 2017. Tanto o Consello da Cultura Galega como o Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago preparan a saída de obras sobre o autor, e a revista Raigame publicará un número especial sobre o homenaxeado nas Letras Galegas 2017.