Autor especialmente dotado para a biografía, Carlos Casares aborda en Vicente Risco o retrato dunha figura que coñeceu nos anos sesenta do século XX, cando o protagonista era xa un ancián respectado nos ámbitos do galeguismo entón case clandestino. O libro non desbota o conflito interior de Risco, un intelectual que durante a súa vida pasou por etapas e posicións case antitéticas.
Casares narra con sinxeleza a infancia de Risco no seu Ourense natal, acompañado por quen sería o seu amigo de por vi犀利士
da e compañeiro no proxecto galeguista, Ramón Otero Pedrayo. Tamén conta a transición entre o diletante mozo da burguesía ourensá, de inabarcable curiosidade intelectual (da literatura máis vangardista ás tradicións relixiosas orientais); e o activista que chegou a ser a voz máis escoitada do Partido Galeguista antes da República, e autor do fundamental volume Teoría do nacionalismo galego, referencia para xeracións de galeguistas. Tampouco foxe Casares da crise vital e relixiosa que fixo a Risco virar as costas aos seus compañeiros de partido durante a República e, xa coa Guerra en marcha, embarcarse no bando golpista, facendo gala dunha relixiosidade en moitos momentos extrema nos artigos que escribía para diarios locais.
A vida de Risco, e con ela a biografía, remata no momento no que o propio Casares o coñeceu, sendo o piar fundamental dos faladoiros culturais de Ourense e, finalmente, figura controvertida pero reivindicada. Vicente Risco publicouse en 1981, dentro dunha colección editada por Galaxia con biografías de figuras históricas galegas.