A figura de Ramón Piñeiro foi clave no difícil paso do deserto do galeguismo a través da ditadura de Franco. Entre as persoas ás que máis marcou o intelectual de Láncara estivo Carlos Casares, que lle dedicou en 1996 este breve volume editado pola Xunta de Galicia.
Casares segue nestas páxinas a quen fora en tantos aspectos o seu mestre, a través dos seus primeiros anos como estudante; o compromiso político previo á confrontación armada; a Guerra Civil, a derrota e a cadea; e a reorganización do galeguismo na Compostela dos anos 50 e 60, nos que a mesa-camilla da súa casa na rúa Xelmirez foi fundamental. O texto narra as experiencias clandestinas, case de novela de espías, de quen foi en boa parte o tecedor da reincorporación do galeguismo á vida pública no último franquismo e na Transición, e detense nas vivencias, compartidas con Casares, do primeiro parlamento autonómico, do que os dous formaron parte como independentes integrados na lista do PSOE.
Ramón Piñeiro é un retrato tenro e próximo dunha figura clave para entender a historia recente de Galicia, feito por alguén que viviu en primeira persoa algunhas das vicisitudes que se narran.