O centro cultural José Ángel Valente de Ourense (antigo Banco de España) acolle desde o pasado martes 25 de abril Os mundos de Carlos Casares, a exposición central sobre o escritor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2017. A mostra, que estará aberta ata o vindeiro 21 de maio, foi inaugurada o martes 25 de abril por Xavier Casares Mouriño, presidente da organizadora Fundación Carlos Casares; Håkan Casares Berg, primeiro fillo de Casares; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

A proposta de Os mundos de Carlos Casares é unha viaxe pola obra, a vida e o tempo do escritor, figura central para a cultura galega no final do século XX. Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez, a exposición estrutúrase en cinco etapas, coincidentes coa traxectoria vital e artística do autor. A primeira, Paisaxes, explica a súa infancia e adolescencia a cabalo entre Xinzo de Limia e Ourense; a segunda, Luzadas, a estancia de Casares na Universidade de Santiago, o comezo da actividade política da man de Ramón Piñeiro e o seu nacemento como voz clave na literatura galega. A viaxe, terceira das etapas, retrata o europeísmo de Casares, a súa vida familiar e varios dos seus principais logros literarios; mentres que a cuarta Conviña… fai parada na etapa como deputado autonómico e a súa actividade como editor á fronte de Galaxia. O quinto dos bloques, O redondel, móstrao como autor consagrado e forza fundamental dentro do panorama cultural galego.

A mostra reformula e amplía unha proposta xurdida a poucos meses do falecemento de Casares en 2002, agora cun orixinal deseño expositivo feito polo estudo coruñés Creus e Carrasco, especializado en exposicións de gran formato. Neste caso, a estrutura está realizada con 885 barras de madeira, 65 taboleiros e 25 maletas, o que permite adaptala a diferentes locais. Os mundos de Carlos Casares incorpora nesta ocasión gran cantidade de información e obxectos procedentes dos traballos de catalogación do Arquivo Persoal, realizados de 2010 a 2012, e da investigación derivada deles, que se demostrou unha riquísima fonte para coñecer ao escritor.

Durante a inauguración, o conselleiro Román Rodríguez evocou a figura de Casares como “un dos máis eminentes actores culturais da historia contemporánea de Galicia” e do que, no eido literario, destacou “a súa capacidade para crear un mundo imaxinario, verosímil e complexo”. Pola súa banda, o alcalde, Jesús Vázquez, destacou a importancia do evento para a Ourense: “Unha cidade debe coñecer os persoeiros que a engrandecen, porque son os seus referentes sociais, culturais, por iso recoñecer a Casares non só é unha forma de agradecerlle o moito que quixo esta cidade, e dunha forma moi activa, é tamén espallar o seu legado”, dixo.

Ademais de Ourense, a exposición visitará ao longo do ano 2017 varias cidades galegas, como Vigo, Xinzo e outras localizacións pendentes de concretar.

(Imaxes da inauguración: Concello de Ourense / Consellería de Educación e Cultura)