Editado por Galaxia en 1984, Conversas con Ánxel Fole é a transcrición feita por Carlos Casares dunha charla mantida en Lugo, en xaneiro de 1983, co gran autor da narrativa breve galega. O libro, escrito coa mestría e a precisión casariana, reflicte un momento no que a calquera amante das boas historias lle gustaría ter estado: unha conversa chea de anécdotas incribles e personaxes senlleiras, cargada de erudición e, á vez, dun inconfundible sentido do humor.
Non podía ser doutro xeito cando o protagonista -“¿como pasar ao papel a súa esmagadora personalidade?, pregunta Casares no limiar do volume”- afirma que é descendente de familias tan particulares como a dos condes de Anjou, que o seu bisavó tivo cen fillos naturais ou que unha das súas devanceiras herdou a da Torre de Hércules.
Casares fala con Fole de como este último se inicia na narración curta grazas aos contos que “niñeras” narran a “Angelito”, e dos seus estudos en Valladolid, Madrid e Santiago, salpicados de anécdotas saborosas sobre profesores que toman o biberón ou din “le ha salido el tiro por la horma del zapato”. O autor lugués fala tamén do seu compromiso co Partido Galeguista, da decepción da República e do horror da Guerra Civil e os “paseos”; de personaxes Lois Tobío, Castelao, Otero, Seoane, Pimentel e toda a elite galeguista da época; do seu amor polo cine americano e a música, clásica ou tradicional; e mesmo da súa imposibilidade de escribir novelas -“sempre me atopei sen forzas”-, nunha conversa imposible de repetir entre dous escritores singulares.