Galaxia publicou en 2006 o terceiro volume que xunta as columnas de Carlos Casares en La Voz de Galicia, baixo o título Á marxe, 1994. Obra xornalística III. O libro recolle a cita diaria do escritor cos lectores do xornal, que por entón esperan xa cada mañá estas pezas, da extensión xusta para gozar mentres se toma un café, como deixou dito Víctor Freixanes.

Casares incide nos escritos deste ano nos seus recordos de infancia, nas personaxes do Xinzo que coñeceu de pequeno, no seu paso polo Seminario e o papel da relixión naquela sociedade de posguerra, no primeiro pitillo… Os nenos serán, durante os dez anos nos que se publicarán as columnas, un dos temas favoritos do escritor.

O ano ábrese cunha homenaxe humorística a Voltaire e repasa asuntos de actualidade como o colapso da Rusia post soviética. Casares transforma ao lector en compañeiro de viaxe nos seus desprazamentos a Madrid, a Boloña ou a numerosas vilas da xeografía galega, pero tamén o fai partícipe da súa folganza como observador desde a terraza dun bar en Panxón.

Dixeron del

O lector de ‘Á marxe’ goxa do pracer do relato, goza da información de do comentario, mais saborea tamén un dos estilos máis limpos e máis intelixentemente calculados (dosificados) do galego literario. A madureza da lingua, sen complexos, sen innecesarios exhibicionismos retóricos, alcanza na prosa de Casares un dos seus cumes máis logrados.

Víctor F. Freixanes, escritor e editor