Nestas semanas previas ao día 17 de maio, distintas persoas, asociacións, entidades e institucións multiplican os seus esforzos en prol da lingua galega, coa difusión de actos, eventos e accións encamiñadas a darlle difusión ao labor desenvolvido por Carlos Casares durante a súa vida e na que a fundación que leva o seu nome, na medida das súas posibilidades, participa ou colabora.
Entre as actividades desenvolvidas estes días destacan a presentación do número 40 da revista Raigame, do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, da Deputación de Ourense. Este número, especial sobre Carlos Casares, foi coordinado pola Fundación Carlos Casares, e presentado o día 4 de maio nas dependencias da deputación, por Xavier Casares, presidente da fundación, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.
En canto a exposicións, o día 4 de maio inaugurouse a mostra biográfica e bibliográfica Carlos Casares, que estará todo o mes no Centro Social de Boiro. Inaugurado polo alcalde da vila, Juan José Dieste, e a concelleira de Cultura Helena Teixeira, está distribuído en 11 paneis, nos que se recollen aspectos vitais do escritor ourensán, así como dúas vitrinas nas que se atopa unha pequena mostra bibliográfica de libros de Casares procedentes da súa biblioteca persoal, así como manuscritos e mecanoscritos de documentos do arquivo da Fundación Carlos Casares.
Tamén o día 4 de maio inaugurouse a exposición “Carlos Casares, creación e compromiso ético”. O Concello de Redondela, en colaboración con Campo das Redes e a Fundación Carlos Casares deseñaron unha serie de lonas informativas que resumen a traxectoria vital de Casares. O acto inaugural foi seguido por un animado faladoiro sobre o escritor, coa presenza do autor dos textos da exposición, Carlos Bernárdez, o encargado do servizo de normalización lingüística do Concello, Xurxo Martínez, e o coordinador do Consello Asesor da fundación, Miguel Valverde. Despois do acto, tivo lugar un animado concerto a cargo da Orquestra de Saxos de Redondela.
Á mesma hora, na cidade olívica, tiña lugar unha das actividades que se desenvolverán conxuntamente entre a Fundación Carlos Casares e o Concello de Vigo. O faladoiro, titulado “A muller na obra de Carlos Casares”, contou coa presenza de Rexina Vega como moderadora, Amparo Solla, Iolanda Galanes, Inma López Silva e Carmen Panero. Ante un público asistente de máis de 30 persoas, as conferenciantes foron analizando a presenza da muller e o impacto profundo e simbólico na estrutura e desenvolvemento das obras de Carlos Casares.
O venres 5 de maio, Hakan Casares asistiu ao CEIP A Sangriña, de A Guarda, para contarlles aos alumnos e alumnas do centro as vivencias e as facetas máis próximas e humanas da figura do escritor de Lolo anda en bicicleta ou A galiña azul.
O sábado 6 de maio, o Liceo acolleu a III Xornada do Día das Letras Galegas, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), un evento sobre prácticas e experiencias docentes sobre Carlos Casares, coa participación tanto de especialistas no autor (Víctor F. Freixanes, Armando Requeixo, Afonso Monxardín…) como de centros que presentaron algunhas das súas novidosas propostas (o CEIP Anxo da Garda, o Seminario Galán, o IES Carlos Casares, o CPI dos Dices, o CEIP do Carballal, etc.). Gustavo A. Garrido, secretario da Fundación, participou coa conferencia “Casares e a tradución”, na que falou non só da súa creación literaria, senón tamén da obra traducida por el, como O vello e o mar, Doménica ou O principiño.
O sábado 6 de maio tivo lugar tamén o faladoiro “Carlos Casares e Gonzalo Torrente Ballester. Un diálogo no corazón da literatura”, coa presenza de Xavier Casares, Ramón Loureiro e Juan Franco. O acto serviu para presentar o libro Casares, de Ramón Loureiro, e tivo lugar no Centro Torrente Ballester de Ferrol.