A produción xornalística de Carlos Casares continuou en 1995 a través da súa columna ‘Á marxe’, a ventá á que cada día se asomaba nas páxinas de La Voz de Galicia para conversar coa que, xa por entón, era unha lexión de seguidores. Para este ano, a estrutura e o ton do artigo estaba completamente establecida: un comentario relaxado, con frecuencia humorístico, no que se combinaban a observación do día a día coa evidente erudición do seu autor e o interese pola actualidade.

Así, nas columnas publicadas na contraportada do xornal coruñés durante eses doce meses Casares volve a reivindicar a figura de amigos e figuras da literatura e a cultura galegas, como son Ramón Piñeiro, Vicente Risco ou Otero Pedrayo, narrando con cariño anécdotas das que son protagonistas. Pero tamén trata o escritor ourensán das polémicas literarias do ano (como as acusacións de plaxio que se verteron sobre o xornalista polacao Ryszard Kapuściński), ou da viraxe cara ao Pacífico que comezaba a experimentar o mundo a través do imparable crecemento económico da China.

Casares atopa tamén tempo para narrar as diferentes etapas dunha viaxe por Alemaña que o levará a cidades universitarias como Tréveris ou Heidelberg, permitindo aos lectores acompañalo no seu quefacer diario; ou para contar asuntos máis íntimos, como as súas mañás de domingo nas terrazas de Panxón ou a morte do seu gato.

Dixeron del

Un diálogo permanente coa vida, participado aos lectores, onde as situacións, os acontecementos, os feitos referenciados, os personaxes, citas e sucesos que desfilan por estas páxinas, configuran un gran retablo sinfónico, intelixentemente ordenado, que o público recibe dende a mirada da escrita, non exactamente dende a ficción, senón dende a interpretación persoal da realidade: vivida ou recordada, ás veces tamén soñada, imaxinada.

Víctor F. Freixanes, escritor e editor

Para o escritor o columnismo non era un irmán menor da literatura e dedicoulle, cando menos, o mesmo esforzo que ás súas obras de ficción literaria: só así pode entenderse a constancia e enorme autodisciplina que supón someterse ó ritual dun artigo diario durante moitos anos.

Marcos Valcárcel, escritor e xornalista